Sunday 05 de May de 2024

Centos de veciños e veciñas participan no II Mercado Tradicional do CPI Cernadas de Castro de Lousame


A directora, Pilar Cobas, salienta que o obxectivo é “achegar aos rapaces/zas aos oficios artesanais e ser un acto de convivencia de toda a comunidade educativa no que salientar a nosa riqueza cultural”

Varios centos de persoas encheron o patio do CPI Cernadas de Castro de Lousame para participaren no II Mercado Tradicional, organizado polo centro educativo cun dobre obxectivo: “achegar aos rapaces e rapazas aos oficios artesanais, e que vexan a nosa tradición e riqueza cultural, e ser tamén un acto de convivencia de toda a comunidade educativa”, explica Pilar Cobas, directora do CPI.

Cobas acompañou á alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, e as concelleiras de Ensino, Silvia Agrafojo, e Xuventude, María Regenjo, durante a súa visita ao II Mercado Tradicional do CPI Cernadas de Castro. Un percorrido durante o que puideron ver o traballo de varios artesáns: carpinteiro, filloeira, ferreiro, rosquilleira, cesteiro, canteiro, tecelá, palilleiras, apicultora, labores… Así como stands referentes ás minas de San Finx, da asociación A Creba, do Museo do Mar de Noia ou galiña de Mos.

Por primeira vez se representaron os maios e os nenos e os profesores interpretaron e bailaron as súas coplas. Un labor no que contaron tamén coa música do grupo “O Son do Pote” e a colaboración do Concello de Lousame, das familias do municipio e do Club BTT O Treito, entre outros.